Historia

 

A presenza de poboadores de orixe prerromana nesta area parece probada polo achado de restos de vivendas e defensas nos castros de Santa Águeda, A Madalena, San Lourenzo e Adro Vello.

Ampliar Foto...

Durante a Idade Media constituíuse nesta comarca o arcediagado de Búbal (s XII), que se situaba parte do territorio baixo a influencia dos centros monacais de Santo Estevo, Oseira e Celanova. As ordes militares fixéronse presentes dende a encomenda da orde de Santiago, que irradiou a súa influencia. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello de Coles pertencían ás xurisdicións da Barra, Gustei, Melias e Ribela e A Peroxa. O dominio sobre estas xurisdicións, que estaban representadas en cortes pola provincia de Ourense, repartíase entre o poder señorial e o eclesiástico. A xurisdición de Melias e Ribela correspondíalles ós condes de Lemos, aínda que compartían o señorío da parroquia de Melias co mosteiro cisterciense de Oseira e os veciños de Ribela eran parcialmente donos do seu destino, nunha relación peculiar co seu señor. A Peroxa permanecía baixo a autoridade do conde de Ribadavia. O cabido catedralicio da sé ourensá administraba Gustei e a encomenda da Barra, da Orde de Santiago, facía o mesmo sobre a xurisdición homónima.

En 1812, coa promulgación da Constitución de Cádiz, suprimiuse a administración señorial e substituíuse por unha organización municipal, que se concretou neste territorio na creación dos concellos de Gustei e Melias. Sen embargo, en 1814 o Rei Fernando VIl derogou a Constitución e restaurou o Antigo Réxime e, como consecuencia, a organización territorial baseada en xurisdicións señoriais. En 1820, tralo pronunciamento do coronel Riego, reemprendeuse a senda constitucional, que permaneceu vixente ata 1823. Daquela rehabilitáronse os concellos de Gustei e Melias que, a partir de 1822, se integraron na nova provincia de Ourense. En 1823 un segundo decreto derogatorio da Constitución, volveu restaurar o Antigo Réxime. A implantación definitiva do municipalismo produciuse en 1835, data na que se constituíu o concello actual de Coles.